Mostrar mensagens com a etiqueta Do íntimo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Do íntimo. Mostrar todas as mensagens

05/11/10

¡Soia!

Eran craro-los días,
risoña-las mañáns,
i era a tristeza súa
negra coma a orfandá.

Íñase á mañecida,
tornaba coa serán...;
mais que fora ou viñera
ninguén llo iña a esculcar.

Tomóu un día leve
camiño do areal...
Como naide a esperaba,
ela non tornóu máis.

Ó cabo dos tres días,
botóuna fora o mar,
i alí onde o corvo pousa,
soia enterrada está.

03/11/10

¿Por qué, Dios piadoso

¿Por qué, Dios piadoso,
por qué chaman crime
ir en busca da morte que tarda,
cando a un esta vida
lle cansa e lle afrixe?

Cargado de penas,
¿qué peito resiste?
¿Cal rendido viaxeiro non quere
buscá-lo descanso
que o corpo lle pide?

¿Por qué si un non rexe
as dores que o oprimen,
por qué din que te amostras airado
de que un antre as tombas
a frente recrine?

Inferno no mundo
e inferno sin límites
máis alá desta cova sin fondo
que a ialma cobiza,
que os ollos non miden.

Si é que esto é verdade,
¡verdade terrible!,
ou deixade un inferno tan sóio
de tantos que eisisten,
ou si non, Dios santo,
¡piedade dos tristes!

01/11/10

Pasade

Brila, raio da aurora,
cal un sono de paz branco e purísimo.
A aquel que nacéu cego, ¿qué lle importa
o teu fulgor divino?

Xemí, serenas ondas,
co romor dos pinares.
Músicas, ¡ai!, e cantos i armonías,
para un xordo, ¿qué valen?

Pasá, pasade, hermosas,
feitizo dos que esperan e dos que aman.
Amores e praceres son mentira
pra quen ten seca a ialma

30/10/10

¡Padrón...! ¡Padrón...!

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

I
Aquelas risas sin fin,
aquel brincar sin dolor,
aquela louca alegría,
¿Por qué se acabou?

Aqueles doces cantares,
aquelas falas de amor,
aquelas noites serenas,
¿por qué non son?

Aquel vibrar sonoro
das cordas da arpa i os sons
da guitarra malencólica,
¿quén os levóu?

Todo é silensio mudo,
soidá, delor,
onde outro tempo a dicha
sola reinóu...

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

27/10/10

Estranxeira na súa patria

Na xa vella baranda
entapizada de hedras e de lirios
foise sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomáis, outros no esprito,
veu pouco a pouco a aparecer na altura
do direito camiño,
que monótono e branco relumbraba,
tal como un lenzo nun herbal tendido.

Contempróu cál pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixaren nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
de habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños.

Mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na baranda contempraba
cál brilaban os lumes fuxitivos.

24/10/10

¡Qué pracidamente brilan

¡Qué pracidamente brilan
o río, a fonte i o sol!
Cánto brilan..., mais non brilan
para min, non.

¡Cál medran herbas e arbustos,
cál brota na árbor a frol!
Mais non medran nin frorecen
para min, non.

¡Cál cantan os paxariños
enamoradas canciós!
Mais anque cantan, non cantan
para min, non.

¡Cál a Natureza hermosa
sorrí a maio que a mimóu!
Mais para min non sorrí,
para min, non.

Si..., para todos un pouco
de aire, de luz, de calor...
Mais si para todos hai,
para min, non.

¡E ben...!, xa que aquí n'atopo
aire, luz, terra nin sol,
¿para min n'habrá unha tomba?
Para min, non.

21/10/10

Lúa descolorida

Lúa descolorida
como cor de ouro pálido,
vesme i eu non quixera
me vises de tan alto.
Ó espaso que recorres,
lévame, caladiña, nun teu raio.

Astro das almas orfas,
lúa desolorida,
eu ben sei que n'alumas
tristeza cal a miña.
Vai contalo ó teu dono,
e dille que me leve adonde habita.

Mais non lle contes nada,
descolorida lúa,
pois nin neste nin noutros
mundos teréi fertuna.
Se sabes onde a morte
ten a morada escura,
dille que corpo e alma xuntamente
me leve adonde non recorden nunca,
nin no mundo en que estóu nin nas alturas.

15/10/10

Maio longo..., maio longo

Maio longo..., maio longo,
todo cuberto de rosas;
para algús, telas de morte;
para outros, telas de bodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min:
veu contigo a miña dicha,
volvéu contigo o fuxir.

14/10/10

Amigos vellos

Cando antre as naves tristes e frías
de alto mural,
cal elas fría, cal elas triste,
ó ser da tarde vou rezar,
¡qué pensamentos loucos e estraños
á miña mente veñen e van!

Xordo silencio que eu xa conoso,
que é meu amigo de anos atrás,
pero que é cheo de outras lembranzas,
pero onde o esprito parez que escoita
eco mortal,
reina nos ámbitos da gran basílica
con misteriosa serenidad.

Incertas sombras, raios tembrosos,
cabo do altar,
pousan, vaguean, foxen i agrándanse
de adiante atrás.
I o Santo Apóstol, sempre sentado
no seu sitial
de prata e ouro, contempra inmóvil
con ollos fixos canto alí está.

Quén fora pedra, qué fora santo
dos que alí hai;
como San Pedro, nas mans as chaves;
co dedo en alto como San Xoán,
unhas tras outras xeneracioes
vira pasar,
sin medo á vida, que dá tormentos;
sin medo á morte, que espanto dá.

Logo se acaba da vida a triste
pelerinax.
Os homes pasan, tal como pasa
nube de vran.
I as pedras quedan..., e cando eu morra,
ti, catedral,
ti, parda mole, pesada e triste,
cando eu non sea, ti inda serás.

12/10/10

¡Tas-tis, tas-tis!, na silenciosa noite

¡Tas-tis, tas-tis!, na silenciosa noite
con siniestro compás repite a péndola,
mentras a frecha aguda
marcando un i outro instante antre as tiniebras,
do relox sempre imóvil
recorre lentamente a limpa esfera.
Todo é negrura en baixo
e só na altura inmensa,
só na anchura sin límites do ceo
con inquietú relumbra algunha estrela,
cal na cinza das grandes estivadas
brilan as charamuscas derradeiras.
I a péndola nomáis, xorda batendo
cal bate un corazón que hinchan as penas,
resoa pavorosa
na escuridade espesa.
En vano a vista con temor no escuro
sin parada vaguea;
uns tras de outros instantes silenciosos
pasando van, e silenciosos chegan
outros detrás, na eternidá caendo
cal cai o grau na moedora pedra,
sin que o porvir velado ós mortáis ollos
rompan as pesada brétemas.

¡Qué triste noite, i o relox qué triste,
si inquieto o corpo i a concencia velan!

09/10/10

Dios puxo un velo enriba

Dios puxo un velo enriba
dos nosos corazóns,
velo que oculta abismos
que El pode ollar tan só.
Cando eu penso o que viran
no que adorado estóu
homilde e de rodillas
cal se adora al Señor,
si este velo caíse
de repente antre os dous,
tembro... e incrinado a frente
digo: "¡Qué sabio é Dios!"

05/10/10

A xusticia pola man

Aqués que tén fama de honrados na vila,
roubáronme tanta bracura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en donde eu vivía;
sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos...!, que tanto eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedéi deshonrada, mucháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposo de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-¡Salvádeme, ouh, xueces!- berréi... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendéume a xusticia.
-Bon Dios, axudáime- berréi, berréi inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pilléi a fouciña,
rondéi paseniño... ¡Ne as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Miréinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixéinos sin vida.
I ó lado, contenta, sentéime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces..., estonces cumpréuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

03/10/10

No ceo, azul crarísimo

No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.

¡Qué alegre romaría!
¡Qué risas e contentos!
I os meus ollos en tanto
de bágoas están cheos.

Cubertos de verdura,
brillan os campos frescos,
mentras que a fel amarga
rebosa no meu peito.

30/09/10

O pazo de a...

Era ó caer da tarde,
encomenzaba o cántico dos grilos,
xorda a presa ruxía,
brilaban lonxe os lumes fuxitivos.
Ó pe do monte, maxestuoso, erguíase
na alde escura o caserón querido,
ca oliva centenaria
de cortinax ó ventanil servindo.
Deserta a escalinata,
soio o paterno niño,
e enriba del caendo misteriosas
coas sombras do crepúsculo, as do olvido.

¿Quén ó pasado volve
os ollos compasivos?
¿Quén se lembra dos mortos,
si inda non poden recordarse os vivos?

24/09/10

A ventura é traidora

Tembra a que unha inmensa dicha
neste mundo te sorprenda;
grorias, aquí, sobrehumanas
trán desventuras supremas.
Nin maxines que pasan os dores
como pasan os gustos na terra;
¡hai infernos na memoria,
cando n'os hai na concencia!

Cal arraigan as hedras nos muros,
nalgúns peitos arraigan as penas,
e unhas van minando a vida
cal minan outra-las pedras.
Si; tembra cando no mundo
sintas unha dicha imensa:
val máis que a túa vida corra
cal corre a iaugua serena.

21/09/10

Cando penso que te fuches

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pe dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.

18/09/10

O toque de alba

Da catedral campana
grave, triste e sonora,
cando ó raiar do día
o toque de alba tocas,
no espazo solencioso
soando malencónica
as túas bataladas
non sei qué despertares me recordan.

Foron algúns tan puros
como o fulgor da aurora,
outros cal a esperenza
que o namorado soña,
i á derradeira inquietos,
mitá luz, mitá sombras,
mitá un pracer sin nome,
e mitá unha sorpresa aterradora.

15/09/10

¿Por qué, miña almiña

¿Por qué, miña almiña,
por qué ora non queres
o que antes querías?

¿Por qué, pensamento,
por qué ora non vives
de amantes deseios?

¿Por qué, meu esprito,
por qué ora te humildas,
cando eras altivo?

¿Por qué, corazón,
por qué ora non falas
falares de amor?

¿Por qué xa non bates
co doce batido
que calma os pesares?

¿Por qué, en fin, Dios meu,
a un tempo me faltan
a terra i o ceu?

¡Ouh ti, roxa estrela
que din que comigo
naciche, poideras

por sempre apagarte,
xa que non pudeche
por sempre alumarme...!

12/09/10

Ladraban contra min, que camiñaba

Ladraban contra min, que camiñaba
cásique sin alento,
sin poder co meu fondo pensamento
i a pezoña mortal que en min levaba.
I a xente que topaba,
ollándome a mantenta,
do meu dor sin igual i a miña afrenta,
traidora se mofaba.
I eso que nada máis que a adiviñaba.
"Si a souperan, ¡Dios mío!,
-penséi tembrando-, contra min volvera
a corrente do río."

Buscando o abrigo dos máis altos muros,
nos camiños desertos,
ensangrentando os pes nos seixos duros,
fun chegando ó lugar dos meus cariños,
maxinando espantada: "Os meus meniños
¿estarán xa despertos?
¡Ai, que ó verme chegar tan maltratada,
chorosa, sin alento e ensangrentada,
darán en se afrixir, malpocadiños,
por súa nai malfadada!"

Pouco a pouco fun indo,
i as escaleiras con temor subindo,
co triste corazón sobresaltado.
¡Escoitéi...! Nin as moscas rebullían.
No berce inda os meus ánxeles dormían,
ca Virxen ao seu lado.

08/09/10

¿Quén non xime?

Luz e progreso en todas partes..., pero
as dudas nos corazós,
e bágoas que un non sabe por qué corren,
e dores que un non sabe por qué son.

Outro cantar, din, cansados
deste estribilo, os que chegando van
nunha nova fornada, e que andan cegos
buscando o que inda non hai.

¡Réprobos...! Sempre ó culto perguntando,
que, mudo, nada vos di.
Buscade a fe, que se perdéu na duda,
e deixade de xemir.

Mais eles tamén perdidos
por unha i outra senda van e vén,
sin que sepan, ¡coitados!, por ónde andan,
sin paz, sin rumbo e sin fe.
.................................................................(*)

Triste é o cantar que cantamos,
mais ¿qué facer si outro mellor non hai?
Moita luz deslumbra os ollos,
causa inquietude o moito desear.
Cando unha peste arrebata
homes tras homes, n'hai mías
que enterrar de presa os mortos,
baixá-la frente, e esperar
que pasen as correntes apestadas...
¡Que pasen..., que outras vendrán!

*Censurado