A apresentar mensagens correspondentes à consulta Alborada ordenadas por relevância. Ordenar por data Mostrar todas as mensagens
A apresentar mensagens correspondentes à consulta Alborada ordenadas por relevância. Ordenar por data Mostrar todas as mensagens

26/10/10

Alborada

I
Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. -Vente, auro-
ra, -vente abrin-
do, -co teu ros-
tro-que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta
paxariño, can-
ta -de ponliña en pon-
la, -que o sol se levan-
ta-polo monte ver-
de, -polo verde mon-
te, -alegrando as her-
bas, -alegrando as fon-
tes...!

12/07/10

Nasín cando as prantas nasen

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño mais que darche,
nin ti máis que me pedir.

02/10/10

A gaita gallega

Resposta
ao eminente poeta D. Ventura Ruíz de Aguilera

I
Cando este cantar, poeta,
na lira xemendo entonas,
non sei o que por min pasa
que as lágrimiñas me afogan,
que ante de min cruzar vexo
a Virgen-mártir que invocas,
cos pes cravados de espiñas,
cas mans cubertas de rosas.
En vano a gaita, tocando
unha alborada de groria,
sons polos aires espalla
que cán nas tembrantes ondas;
en vano baila contenta
nas eiras a turba louca,
que aqueles sons, tal me afrixen,
cousas tan tristes me contan,
que eu podo decirche:
non canta, que chora.


24/08/10

Airiños, airiños aires

Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, airiños aires,
airiños, leváime a ela.

Sin ela vivir non podo,
non podo vivir contenta;
que adonde queira que vaia,
cróbeme unha sombra espesa.
Cróbeme unha espesa nube,
tal preñada de tormentas,
tal de soidás preñada,
que a miña vida envenena.
Leváime, leváime, airiños,
como unha folliña seca,
que seca tamén me puxo
a callentura que queima.
¡Ai!, si non me levás pronto,
airiños da miña terra;
si non me levás, airiños,
quisáis xa non me conesan,
que a febre que de min come,
vaime consumindo lenta,
e no meu corazonciño
tamén traidora se ceiba.

21/11/10

Cada cousa no seu tempo

Do alegre maio unha alborada fresca
foite a sorrir no outono malencónico,
e por nadal os membros ateridos
quentache ben contente a un sol de agosto;
despóis tembraches espantado, e fuches
buscando a sombra inquieto e pesaroso;
mais a mamoria preguizosa, tarde
trouxera ó teu recordo
que aqueses cambios bruscos,
raros e intempestuosos,
de loitos e pesares nesta vida
sinal segura eternamente fonon.
E tras daquel calor que che emprestara
no inverno un sol de agosto,
só sentiche da frebe o mortal frío
que helóu hastra os teus osos.

As cousas no seu tempo
i as feras no seu tobo.

05/08/10

Campanas de Bastabales

   Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

I
Cando vos oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.

   Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.

   Dóiome de dor ferida,
que antes tiña vida enteira
i hoxe teño media vida.

   Sólo media me deixaron
os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.

   Non me roubaron, traidores,
¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.

   Que os amores xa fuxiron,
as soidades viñeron...
De pena me consumiron.

02/09/10

Ora, meu meniño, ora

"Ora, meu meniño, ora,
¿qué vos ha de dar a teta,
si túa nai vai no muíño,
e teu pai na leña seca?
Eu cha dera, miña xoia,
con mil amores cha dera,
hastra rebotar, meu santo,
hastra que máis non quixeras,
hastra verte dormidiño
con esa boca tan feita,
sorrindo todo fartiño,
cal ubre de vaca cheia.
Mais ¡ai, qué noite che agarda!
Mais, ¡ai, qué noite che espera!
Que anque dúas fontes teño,
estas fontiñas non deitan.
Ora, meu meniño, ora,
¡canto chorarás por ela!
Sin ter con qué te acalente,
sin ter con qué te adormesa,
que soio, soio quedaches
como unha ovelliña enferma,
tremando, malpocadiño,
como as ovelliñas treman.
Sin cobirtor que te cruba,
nunhas palliñas te deitan
e neve e chuvia en ti caen
por antre as fendidas tellas.
E silba o vento que pesa
polas mal xuntadas pedras,
e cal coitelo afilado
no teu corpiño se ceiba.
¡Ai!m cando veña túa nai,
¡ai!, cando che a túa nai veña,
¡cál te topará, meniño,
frío como a neve mesma,
para chorar sin alento,
rosiña que os ventos creban...!
¡Ai, máis valera, meniño,
que quen te dou non te dera!
Que os fillos dos probes nacen,
nacen para tales penas."

05/03/11

O encanto da pedran chan

Co sono da inocencia,
que non turban remorsos da concencia,
i a Virxen ó seu lado
dormían os meus ánxeles na cuna,
cando, ás furtadas, nun sereno día,
co peito palpitante de alegría
soia saín en busca de fertuna.

Iña tras dun tesouro cobisado,
de todos iñorado,
mais do que solasmentes eu sabía;
e n'era só de prata, nin só de ouro
aquel sin par tesouro,
que era de un canto deseiar podía.

Nunca eu fora nin rica nin dichosa,
i ó ver que para selo
só me faltaba o gordo dun cabelo,
de seca espiña me tornara en rosa.
E como virxen pura
que por primeira vez sinte a dozura
das inquietús do amor, así eu sentía
que algo que en min dormía,
despertaba, chamándome á ventura.

Por eso, dando ó olvido
as penas que me houberan consumido
dendes de que nacera,
vía a terra i o ceu cor de espranza,
i ó meu redor, perene primadera.

¡Cál o sol relumbraba!
¡Qué mansamente marburaba o río!
I o paxariño voador cantaba,
mentras que eu camiñaba
lixeira ó meu avío.

Tal como a neve, albeas,
as roupas i as marañas
tendidas nas silveiras e as montañas,
xa en raro, xa ás moreas,
cal pinta a branca nube o ceo sereno,
brilando ó sol pintaban o paisaxe
como ningún ameno.

Cabo da ría na ribeira verde,
a cál gana, a cál perde,
xogaban os rapaces ca onda escraba;
a anxeliño tocaba
en un lugar veciño,
i anque os pais do meniño,
ó enterralo choraban que partían,
compasivo-los vellos
"¡de cántas penas se libróu!", decían.

En tanto os carros sin parar chirraban,
mentras ó seu compás os carreteiros
despaciosos cantaban;
e aquí a fonte corría,
alá nunha canteira resoaban,
metálicos, os picos dos pedreiros.
Máis preto, os cans ladraban
i antre a follax o vento rebulía
indo das encanadas ós outeiros...
¡Cánta paz!, ¡cánto sol!, ¡cánta alegría!

"Ó fin, sorte, cansache,
i o quiñón que famenta me negache
na hirencia dos praceres,
dándome só o das ansias e as peleas,
cal a aqués que ben queres,
ora darásmo en gustos ás mancheas."

Esto eu iba dicindo,
de dichosa cal no outra presumindo,
mentras que camiñaba
tan contenta e segura
de atopar a fortuna en que esperaba,
cal sei que atopa a Dios quen o precura.

Antre buxos e silvas agachado
o encanto deseado
estaba como merlos no seu niño,
polo romor das auguas arrolado
do apartado moíño...
Eu din volta á devesa,
paséi a corredoira da Codesa,
¡i ó fin cheguéi ...!, i enriba dunha lousa,
en donde á amañecida o corvo pousa
un nobre cabaleiro
coa súa pruma enrisada no sombreiro,
e vestido de seda e pedrería
a estilo da treidora mourería,
dou en chamarme arteiro,
cun modo loumiñeiro
que do ceo, non da terra, parecía.

"¡El é!", dixen ó punto temerosa...
Mais o do encanto, afeito
seica a tratar con damas dende antano,
sin que de verme se atopase estrano,
dende lonxe chamándome sorría.

I o ceo póndose foi de cor de rosas,
mentras nas carballeiras e encanadas
sopraban unhas brisas repousadas,
soaves e saudosas,
cal promesas compridas si esperadas.

Eu non sei qué sentía
vendo que el en chamarme proseguía,
pois antre ansiosa i adusta,
cunha valor que asusta
funme indo cabo del, de gozo chea,
cal palomiña vai tras da cadea.

Tiña nas mans un cetro adiamantado;
batéu con el na laxe misteriosa
que se abréu, como se abre do granado
o froito sazonado;
e con voz armoniosa
e garrido sembrante,
"¡Vamos! -me dixo gasalleiro-, ¡adiante!"

E fun cal folla inxel vai ca encalmada
corrente, que primeiro asosegada
a arrastra nas súas auguas cristaíñas
pra darlle sepultura cariñosa
nas orelas veciñas,
e que dempóis a leva, arrabatada
pola negra enxurrada,
ós abismos da mare tormentosa.

¡E entréi pensando penetrar no ceo!
¿Por qué ten a maldade forza tanta?
Pois canto á vista encanta
e nos finxe o ardentísimo deseo
nunca farto nin cheo,
alí os meus ollos viron, e prendados
quedaron como nunca namorados.

Do tesouro escondido
o brilo e fermosura,
¿a quén que fose de muller nacido,
a qué mortal criatura
n'a houbera contrubado e seducido?

E na lumieira i antreaberta porta,
sin astreverme, de primeiro ausorta,
a vixiar da espréndida morada
unha tra de outra estensa galería,
cal si quedase para todo morta
menos para o que vía,
escraméi no supremo da alegría:

"¡Aquí Dios, aquí as dichas do universo
sin voltas nin reverso;
aquí o que a maxiñar nuncha chegara
a comprida ventura,
que nunca outra topara
máis grande, nin máis santa, nin máis pura!"

Tal blasfeméi, sin medo nin coidado.
¡Tola de min, cegábame o pecado!
I aquel brilo que vía
ó par que me alentaba a fantesía
daba comprida fe do ben buscado.
Pensando que por sorte
ó paraíso terreal chegara
i era verdade a dicha que soñara,
sin me acordar da vida nin da morte,
olvidando o pasado i o presente
co porvir xuntamente,
sóio penséi en abarcar nun punto
aquel tanto ben xunto,
iñorado da xente.

Co poder do que pode, erguínme altiva
sin coidar cánto a humana natureza
é falible e cativa;
e maxinando eterna fonte viva
tanta e tanta riqueza
como ante min soberba se ostentaba,
dixen seguindo ó hermoso cabaleiro:
-Xa que vos atopéi tan lisonxeiro
pra gozar logo do que é meu, decime
por ónde debo encomenzar primeiro.

-Por onde vós querás, reina e señora
-contestóu gasalloso
co seu falar gracioso-,
que é voso canto aquí vos enamora;
pero vós e máis eu antes bebamos
nesta copa dourada
polos mals que nos deixan e deixamos,
i os bes que nos sorrín dende a alborada
dunha mañán de abril nunca acabada.

-¡Pois bebamos!, ¡bebamos!-
repetín eu, trubada e non de viño,
sin que a sinal da crus antes fixese
pra que ben me emprestase o que bebese...
I hastra o líquido fresco e cristaíño
os dous nos abaixamos
e ambas bocas mollamos...

Nunca me olvidaréi daquel momento
de inmensa dicha e de infernal tormento,
pois de dentro da copa saíndo de repente
unha e outra cabeza de sarpente
contra min se volveno desatadas,
e todas xuntamente
a un tempo asubiaron,
e nas entrañas mesmas
o aguillón pezoñoso me encravaron.

Caín, caín ferida
e cásique sin vida,
e inda enriba de min, feras volveno
co seu mortal veneno
unha i outra sarpente maldecida.

Cal brétema espallada
polo Sur, na encanada
disparecéu o lindo cabaleiro,
i espesa nube de trebóns preñada,
partindo da sombrisa Compostela,
que no confín lexano se trasvía
cal se trasvé na tarde morimunda
a raia sin fulgor da noite fría,
veu contrubar a miña mente inxela.

I alí enriba da lousa
en donde á mañecida o corvo pousa,
atopéime de pronto sin ventura,
das miñas do ces ilusións despida,
soia e probe cal no outra criatura,
envenenada, triste e malferida.

E non sei qué voz ronca marmuraba
co vento que soaba:
"Coma ti, mal tesouro,
que aquí deixóu o mouro
e que a cubiza alaba,
son os encantos todos terreales:
a tan grandes pracers, tan grandes males."