19/07/10

Aquel romor de cántigas e risas

   Aquel romor de cántigas e risas,
ir, vir, algarear;
aquel falar de cousas que pasaron
i outras que pasarán;
aquela, en fin, vitalidade inquieta
xuvenil, tanto mal
me fixo, que lles dixen:
"Ivos e non volvás."

   Un a un desfilaron silenciosos
por aquí, por alá,
tal como cando as contas dun rosario
se espallan polo chan.
I o romor dos seus pasos, mentres se iñan,
de tal modo hastra min veu resoar,
que non máis tristemente
resoará quisáis
no fondo dos sepulcros
o último adiós que un vivo ós mortos dá.

   I ó fin soia quedéi, pero tan soia
que hoxe da mosca o inquieto revoar,
do ratiño o roer terco e constante,
e do lume o chis chas,
cando da verde ponla
o fresco sugo devorando vai,
parece que me falan, que os entendo,
que compaña me fan;
i este meu corasón lles di temprado:
"¡Por Diós..., non vos vaiás!"

   ¡Qué doce, mais qué triste
tamén é a soledad!

Sem comentários:

Enviar um comentário