27/12/10

Era no mes de maio

I
Era no mes de maio,
no mes do amor, das prantas e das frores,
mes dos soaves prefumes
i os trasparentes cores.
Dos trinos matináis dos paxariños,
das cándidas e frescas alboradas,
das pasaxeiras nubes,
e das tardes sorrintes e douradas.
Cando o mar está azul, o ceo sereno
como o dormir dun neno,
manso-los ríos, alta-las estrelas,
máis desvaída a lúa,
si tamén máis fermosa,
co aquela gracia sin igual que é súa,
i era, en fin, cando todo nesta vida
sorrí ós mortáis ca alegre, esplendorosa
sorrisa virxinal da primadera
que a amar i a ser dichoso-los convida.

A todos..., ¡ai!, quixera
mais algún hai que envolto na negrura
da súa propia tristura,
tan sóio ve, da primadera hermosa,
no sol morno e na rosa
co fresco orballo da mañán cuberta,
un triste e mal agoiro que desperta
pensamentos de loito e desventura.


II
Era nunha mañán do mes de maio
en que parés que os ánxeles cantaban,
mentras mansa-las brisas se queixaban
co amoroso laio;
en que o rego ó pasar polas curtiñas
non sei qué cousas mormuraba leve,
i o voar das inquietas anduriñas
que nos aires chiaban,
á vista dos nubeiros sabidores,
venturas e contentos agoiraba:
mañán de encantos cheia,
cal o esprito as deseia
cando espera e confía;
mañán que chama a toda cras de seres
ó pracer i á alegría,
menos á triste ialma
que dendes que é non sabe
que é ter sosego ou calma,
dónde a dozura do gozar comence,
dónde a crudeza da delor acabe.

III
Da Garda ánxel bondadoso,
que as brancas alas paseniño bates
ó rededor do acongoxado esprito,
pra derramar en el santos consolos
que nos trás do infinito,
¿en dónde, en dónde estabas,
que antre negros querbantos
soia un alma tristísima deixabas?
Fe, esperanza, virtudes
orixen das eternas beatitudes,
e que dendes rexiós máis venturosas
vindes calmar as amarguras nosas...,
¿dónde estades, en dónde
cando o que en vós confía,
soio, en loita coas ansias da agonía,
orfo, vos chama, e naide lle responde?

IV
Por aqueles que odiaba perseguido,
polos que amaba odiado,
un triste a dura sorte condenado
contempraba o Cántabro a bravura
con un ollar profundo,
cal si tras de tan fonda sepultura
entrevise as anchuras do outro mundo.
E con ánimo forte,
do líquido cristal hastra tocalo
en carreira chegóu vertixinosa
cal si atraisón do abismo misteriosa
con forza estraña o conduxese á morte.

E dixo: -¡Vida, adiós!, ¡adiós, tormento,
que con martirio lento
me arrancache hastra os soños de esperanza!
Da desventura miña
vou a crebar o brazo poderoso
alí donde n'hai dor, nin hai mudanza
e se enterra a inquietude no reposo.
E ti, mala pasión ue en min te cebas
e foches o meu Dios i o meu castigo,
¡xa que me qués matar, morre conmigo!

Calóu o triste, e inmensas, pavorosas,
cas súas crins espumosas,
retorcéronse as ondas pola area,
incitando ó coitado
a dar fin á pelea
que houbera no seu peito encomenzando.

Mais un brando sonido
firéu de pronto o contrubado oído
daquel ser desdichado...
E escoitóu asombrado
dun invisible ser a fala hermosa
que con branda e celeste melodía,
soave e mainamente lle decía:

-¡Detente ó pe da orela
da túa vida, cobarde centinela;
non queiras por fuxires do presente,
da eternidade descorré-los velos!
Agarda a que a medida,
con rosas ou con fel, enchas da vida;
nin fagas que na tomba se derrame
antes que Dios cha pida.
Que ningún fillo de Eva
ó fin se ha de librar do seu penare
anque á morte se astreva.
Despóis de atravesare
os desertos inmensosdo infinito,
ó mundo volverías en esprito
a sofrir, i o teu crimen a pagare.
As noites tras dos días,
sin descanso nin tregua
apegado a aquel seo te verías,
do ingrato corazón vendo dos batidos
non por ti, mais por outros repetidos.
E naquel pensamento
con impracable craridá leerías
a traizón alevosa, o olvido amargo
sin velo que os cubrir, nin finximento.

-¡Ouh Dios, Dios poderoso!
¡Que tormento espantoso!

-Ninguén torce o poder dos seus destinos
infaustos ou beninos;
nin a ninguén lle é dado
renegar do seu fado.
Só vence quen espera...
Volve a vivir e espera resinado.

E tornóu a vivir, arrepentido
anque triste e dorido,
aquel probe coitado:
pidéulle a Dios perdón do seu pecado,
e Dios, compadecido,
mandóulle santa paz e doce olvido.

Sem comentários:

Enviar um comentário