08/01/11

A bandolinata

Ca espada asesina
no peito encravada,
o esprito na sombra
i o corpo na lama,
máis negra que a morte,
que a terra máis baixa,
bagullas de sangre
chorando eu estaba.

De pronto antre o espeso
da brétema parda
con rara armonía
salíu unha cántiga...
¡Qué fresca e qué doce,
qué leve e qué estraña
soóu nas recónditas
cavernas da praia!

Calmóuse o meu dore
cal sede ca iaugua,
do probe sedento
na fonte se calma.
Nos ollos detidas
quedáronse as bágoas,
namentras inmoble,
suspensa, escoitaba.

De tempos remotos,
de edades leixanas,
de noites sereas,
pra sempre acabadas,
aquel cantar tróuxome
non sei qué lembranzas,
non mortas..., dormentes,
¡quén sabe en qué campás!

Coidara que a oíra
nos campos de Italia,
sendo eu quizáis reina,
quizáis sendo escrava,
na orela do Bósforo,
do pazo á ventana...
Mais sempre amor fondo
sintindo na ialma.

¡Qué estraños soñares
se en min despertaran,
do músico incónito
ca sonora cántiga!
De anteriores vidas,
¿cáles recordanzas
calmaron a dore
das presentes ansias?

¿Quén pode decilo?
Misterios da humana
fráxil natureza,
naide os espricara;
só sei que sintindo
consolo na ialma,
améi dende estonces
a bandolinata.

Sem comentários:

Enviar um comentário