10/05/11

N'é de morte

-¿Xa estás de volta, Rosa de Anido?
¡Eu non coidara verte tan cedo!
I as meigas todas contigo, Rosa,
aló na vila seica andiveron,
que de difunto tes a colore
i a vista brava, i o falar seco.
-É que de pena, da terra lonxe,
pouquiño a pouco me iba morrendo;
mais... colorosa me verás logo,
que agora vivo porque te vexo.
-¡Tola de Rosa, co que ela sai!
¿Inda te acordas daqueles tempos?
-¡Se inda me acordo...! ¿Cómo olvidalos,
cando tan sóio sei pensar neso?
Bebemos xuntos naquela fonte,
xuntos pousamos naquel portelo,
herba collemos xuntos no prado,
e íbamos xuntos tomá-lo fresco
no mes de agosto dendes que a lúa
branca saía treas dos outeiros.
Estas lembranzas me consumían,
de ti apartada, da terra lexos...
Pero e ti, dime, ¿non te acordaches
e non te acordas de todo aquelo?
-¡Ti qué me pides, rapaza, cando
desmemoriado son como un deño!
I ademáis, Rosa, diréicho todo
pra que non volvas a pensar nesto.
Bebín con outras naquela fonte,
pouséi con outras naquel portelo,
¡ai, e con tantas á luz da lúa
no mes de agosto toméi o fresco...!
Dime, neniña, si un home pode
cargar con tantos recordos destos,
e si non debe botalos fora
porque n'estorben no pensamento,
Quíxente un día, quíxente, Rosa;
mais di unha copra que o amor i o vento,
desque fixeron o seu facido,
vanse, rapaza, como viñeron.
¡E qué lle vamos a facer, Rosa,
si aquestas cousas non tén remedio!
¡Adiós!, pra a Habana domingo embarco;
i anque ora chores, non teñas medo,
que mal de amores n'é mal de morte,
i ó fin i ó cabo pasa co tempo.

Sem comentários:

Enviar um comentário