30/06/11

¿Qué lle digo?

-Eu volvo para a terra;
á túa muller Antona, ¿qué lle digo?
-Pois pra non meter guerra,
porque non veña a petar conmigo,
olvidarás que foches meu testigo.
O demáis...; boi á liberdade adoito...
Xa sabe o refrán, meu compañeiro:
a libertá primeiro,
e mellor que alá broa é aquí bizcoito.
-Máis val aquí, coma quen di, solteiro,
que casado e con fillos
andar alá sudando aqueles millos...
¡Entendo, compañeiro!
-Que como poida se goberne Antona,
i anque dela me doio,
como de lonxe nada sei nin oio...
Quen non sabe nin ve... sempre perdona.
Cando xa vello sea,
tornaréi cos meus osos para a aldea,
que algo lle hei de levar á terra nosa;
mais mentras mozo son, non pode sere,
porque si é por mullere,
si é que Antona está alá, teño aquí a Rosa.
-Ésa che é a nai do año,
bon Antón do Riaño,
pero en verdad che digo
que as mulleres son todas o enemigo,
e xa que esto así o sea,
antre a nosa i a allea
máis ou menos graciosa,
pois..., muller por muller, val máis a nosa.
-A nosa é a que nos quer e nós queremos,
que si falta o cariño,
coidando que unha pomba tes no niño,
unha cóbrega tes, filla dos demos.
-Á cóbrega a cabeza se lle esmaga,
e coa súa vida paga.
Mais de Antona a paciencia
¿con qué lle paga, dime, a túa concencia?
¿Qué cura do seu dor a fonda llaga?
-Déixate de concencias e delores,
que non teñen lugare
tratando de mulleres e de amores.
Que ela vexa, se quer, de se curare;
e cóntalle que cando eu o tivere,
xa lle daréi con qué se precurare.
I agora, ¡adiós, hastra que Dios quixere!

Sem comentários:

Enviar um comentário