23/07/11

Pois consólate, Rosa

Pois consólate, Rosa,
que moito ten que padecer na vida
que moito dela goza,
e olvidada ha de ser quen foi querida.
O que a ti che pasóu, pásalle a todos,
desa maneira ou de distintos modos.
¿Non te acordas daquela?
Todo nela era encanto e fermosura,
todo inocencia pura;
e con fonda ternura
e cun amor que as pedras abrandaba,
eu decote a chamaba
pomba sin fel e fonte de cariño.
Bebía no seu peito o paxariño,
¡tan branco, relumbraba!
I olor, color, sabor, -que eu ben sabía
o que sabía Anxela,
anque n'inda a cheirala me astrevía-
¡todo aos meus ollos era santo nela!
Esto nun tempo foi, tempo dichoso,
que inda o corazón lembra cariñoso,
porque despóis daquelo
e que un de outro vivimos apartados,
ela índose a Ferrol i eu a Cambados,
topámonos na feira do Campelo,
i eu busca que te busca na súa cara,
e no seu xeito todo,
o encanto que nun tempo me encantara,
e n'o poiden topar de ningún modo.
I ela era a mesma, tan lanzal e hermosa,
tan fresca e colorosa
e dose coma a mel dos seus cortisos;
mais a tantos feitisos
eu estaba insensibre,
e do pasado en vano perseguía
un volubre fantasma que fuxía
libre de amor e de cadeas libre.
Meditéi un momento,
e con certo remorso e sentimento,
ao cabo comprendín, ña Rosa cara,
que tanto ben i encanto que namora,
nada para min fora,
si aló, cando eu a amara,
outros o meu amor non lle emprestara.
Porque non val sabencia,
bondade, fermosura nin inocencia,
pureza nin virtude
para saber ben querido e ben querere,
porque basta co o sere.
Mentras o amor non mude,
si es fea, coma ti n'habrá mulllere
de maior xentileza e mellor pranta;
si es infame e perdida, serás santa
das que o son sin querelo parecere;
e si es boba e sin sal, é que escondida
tes esencia i a gracia bendecida,
dentro dun misterioso relicario
donde só o amante cego e visionario
a esencia atopa i o elisir da vida.
Mais desque o amor quere voar, ña prenda,
e que lle cai a venda,
forza é deixalo ire,
que n'hai virtude nin poder que o prenda,
i o que antes nos miróu tras dunha nube
ou trasparente gasa,
desque a gasa se rompe e a nube pasa,
Rosa, val moito máis que non nos mire.

Sem comentários:

Enviar um comentário