Ladraban contra min, que camiñaba
cásique sin alento,
sin poder co meu fondo pensamento
i a pezoña mortal que en min levaba.
I a xente que topaba,
ollándome a mantenta,
do meu dor sin igual i a miña afrenta,
traidora se mofaba.
I eso que nada máis que a adiviñaba.
"Si a souperan, ¡Dios mío!,
-penséi tembrando-, contra min volvera
a corrente do río."
Buscando o abrigo dos máis altos muros,
nos camiños desertos,
ensangrentando os pes nos seixos duros,
fun chegando ó lugar dos meus cariños,
maxinando espantada: "Os meus meniños
¿estarán xa despertos?
¡Ai, que ó verme chegar tan maltratada,
chorosa, sin alento e ensangrentada,
darán en se afrixir, malpocadiños,
por súa nai malfadada!"
Pouco a pouco fun indo,
i as escaleiras con temor subindo,
co triste corazón sobresaltado.
¡Escoitéi...! Nin as moscas rebullían.
No berce inda os meus ánxeles dormían,
ca Virxen ao seu lado.
Sem comentários:
Enviar um comentário