Mostrar mensagens com a etiqueta As viuvas dos vivos e as viuvas dos mortos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta As viuvas dos vivos e as viuvas dos mortos. Mostrar todas as mensagens

01/08/11

Ca pena ao lombo

¡Cantas frores silvestres nos valados,
que festós e que encaixes
primorosos de musgos e verdura;
que colorido, que follax nos árbores
mentras as brisas mansamente corren,
coma alento dos ánxeles!

Reina na veiga un prácido sosego,
cai a luz nos regueiros en cambiantes,
i o cómaro e cañada soavemente
van querbando o paisaxen,
lixeiramente envolto nos vapores
da misteriosa tarde.

Só se sinte o piar do paxariño,
o marmurar das auguas,
e na cima do monte o cantar triste
dunha muller que pasa,
mentras co sue marmurio o manso rego
naquel ritmo monótono a acompaña.

¡Que tristeza tan dose!
¡Que soidá tan prácida!
Mais para un alma en orfandá sumida,
¡que soida tan deserta e tan amarga!

Sin mirar, fixa os ollos
nas brétemas leixanas,
vaporosas e leves
que o sol pinta de grana,
i as mans en cruz, i os ollos
arrasados en bágoas,
marmura saloucando: "¡Quérome ire,
porque agonizo aquí desconsolada!
Millor que acá antre rosas
¡ai!, quero ir a morrer adonde el vaia."
E no fondo do barco
soíña, abandonada,
tras seu amor i a morte, para América,
para morrer de dor, ao mar se lanza.

23/07/11

Pois consólate, Rosa

Pois consólate, Rosa,
que moito ten que padecer na vida
que moito dela goza,
e olvidada ha de ser quen foi querida.
O que a ti che pasóu, pásalle a todos,
desa maneira ou de distintos modos.
¿Non te acordas daquela?
Todo nela era encanto e fermosura,
todo inocencia pura;
e con fonda ternura
e cun amor que as pedras abrandaba,
eu decote a chamaba
pomba sin fel e fonte de cariño.
Bebía no seu peito o paxariño,
¡tan branco, relumbraba!
I olor, color, sabor, -que eu ben sabía
o que sabía Anxela,
anque n'inda a cheirala me astrevía-
¡todo aos meus ollos era santo nela!
Esto nun tempo foi, tempo dichoso,
que inda o corazón lembra cariñoso,
porque despóis daquelo
e que un de outro vivimos apartados,
ela índose a Ferrol i eu a Cambados,
topámonos na feira do Campelo,
i eu busca que te busca na súa cara,
e no seu xeito todo,
o encanto que nun tempo me encantara,
e n'o poiden topar de ningún modo.
I ela era a mesma, tan lanzal e hermosa,
tan fresca e colorosa
e dose coma a mel dos seus cortisos;
mais a tantos feitisos
eu estaba insensibre,
e do pasado en vano perseguía
un volubre fantasma que fuxía
libre de amor e de cadeas libre.
Meditéi un momento,
e con certo remorso e sentimento,
ao cabo comprendín, ña Rosa cara,
que tanto ben i encanto que namora,
nada para min fora,
si aló, cando eu a amara,
outros o meu amor non lle emprestara.
Porque non val sabencia,
bondade, fermosura nin inocencia,
pureza nin virtude
para saber ben querido e ben querere,
porque basta co o sere.
Mentras o amor non mude,
si es fea, coma ti n'habrá mulllere
de maior xentileza e mellor pranta;
si es infame e perdida, serás santa
das que o son sin querelo parecere;
e si es boba e sin sal, é que escondida
tes esencia i a gracia bendecida,
dentro dun misterioso relicario
donde só o amante cego e visionario
a esencia atopa i o elisir da vida.
Mais desque o amor quere voar, ña prenda,
e que lle cai a venda,
forza é deixalo ire,
que n'hai virtude nin poder que o prenda,
i o que antes nos miróu tras dunha nube
ou trasparente gasa,
desque a gasa se rompe e a nube pasa,
Rosa, val moito máis que non nos mire.

20/07/11

De soidás morríase

De soidás morríase
na vila, sospirando pola aldea;
asombrábana as casas cos seus muros,
e asombrábana as otres e as igrexas.

As rúas enlousadas somellábanlle,
sin verdor nin frescura,
cimeterio onde os mortos
fora andaban das tristes sepulturas.

I as comidas sabíanlle
a fariña sin sal i a xaramagos,
i as poucas que tocaba,
en vez de darlle alento a iñan matando.

Algunha vez chegaban hastra ela,
non sei si en ilusión si de verdade,
uns agrestes olidos
de leixanas ribeiras e pinares.

Íñase estonces a sentar nun alto,
contempraba os estensos horizontes,
e rompendo en sospiros que a afogaban,
ronca escramaba saloucando: "¡Eu voume!"

¡E íñase apresa sin remedio...! ¡Íñase
coa tristeza mortal que a consumía!
Íñase a probe Rosa,
pero... ¡para a outra vida!

16/07/11

¿Por qué?

-Escoitá: os algoasiles
andan correndo a aldea;
mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode inda pagar a renda?

Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin tén alma.
¡Quedaremos por portas,
meus fillos das entrañas!

¡Mala morte vos mate
antes de que aquí entredes!
Dos probes, ao sentirvos,
os corazós, ¡cál baten tristemente!

-María, se non fora
porque hai un Dios que premia e que castiga,
eu matara eses homes
como mata un raposo a unha galiña.

-¡Silencio! ¡Non brafemes,
que éste é un valle de lágrimas...!
Mais ¿por qué a algúns lles toca sufrir tanto,
i outros a vida antre contentos pasan?

11/07/11

As Torres de Oeste

A iaugua corría
polo seu camiño,
i eu iba ó pe dela
preto dos Laíños,
sin poder cas penas
que moran conmigo.

Con tamaña carga,
¿para dónde eu iba?
A Virxe sabráio,
que eu non o sabía;
mais seica fuxindo
de min mesma iña.

Por antre os herbales,
profunda e sombrisa,
cal unha sarpente
de escamas bruñidas,
brillaba ós meus ollos
dándome cobiza.

¡Estaba tan soia!
Nin bote, nin lancha,
nin velas, nin remos
a vista alebraban;
e soias as veigas
tamén se quedaran.

¡Qué bonitas eran
noutro tempo as rosas
que naqueles campos
medran e se esfollan!
Mais muchas estonces
se amostraban todas.

I o sol, cal a lúa
en noite de brétema,
brilaba tembrando
por antre as vimbieiras,
tan descolorido
como a mesma cera.

I ao ferir as ondas
revoltas e escuras,
víanse no espeso
da negra fondura
as herbas marinas
e longas que a surcan.

De pronto unha i outra
poñéndome medo,
as loitosas cruces
se me apareceron
que se erguen na orela
cal nun cimiterio.

"Meu ben, ¿ónde moras?
-perguntéi chorando-.
Xa que ti morreche,
no mundo, ¿qué fago,
coma vós, ¡ouh torres!,
soia e sin amparo?

Soidás me consomen,
bágoas me alimentan,
sombras me acompañan,
cómeme a triteza.
¡Quén pode con tanta
fartura de penas!"

I eu non sei qué negra
tentazón maldita
me afrixéu o esprito,
me anubróu a vista,
e sorréume como
me o demo sorrira.

Dende a fonda orela
miréi arredore...
A marea viva
petaba nas torres,
orfas antre a líquida
sabán que as envolve.

"¡Alá vou! -lles dixen-.
Daime morte dose,
auguas onde as penas
para sempre dormen..."
Saltéi..., i a corrente
calada levóume.
..................................
..................................
..................................
¡Ouh Torres de Oeste!
Malas tentadoras
auguas apromadas,
de calma treidora;
cómaros pelados
onde o corvo pousa.

¡Ouh Torres de Oeste!
Tan soias e mudas,
ca vosa atentaches
a miña tristura.
Ninguén triste vaia
cabo de vós nunca.

Dos desamparados
tendes o homenaxen,
i aínda ó redor voso
non rexorde o aire,
coma si temese
de vos despertare.

É das que se apegan
a tristeza vosa;
das que o peito oprimen,
das abrumadoras,
que ó inferno encamiñan
as almas loitosas.

Que si inda estóu viva,
foi que un mariñeiro,
medio morimunda,
por estes cabelos
tróuxome das ondas
ó mundo en que peno.

Non vaiades nunca,
eu vo-lo aconsello,
ás Torres de Oeste
co corazón negro.

07/07/11

Basta unha morte

Cala, can negro, n'ouvees
á porta de quen ben quero;
corvos, non voés por riba
do sobrado onde está enfermo;
co teu resprandor, Compaña,
vaite, non lle poñas medo.
Si é que queres que alguén morra,
eu sei dun san que contento
por el déravo-la vida
e irá convosco ós infernos.

04/07/11

Teño un niño de tolos pensamentos

Teño un niño de tolos pensamentos
onda o lar escondidos,
e desque ven a noite
i o lume está alcendido
e arrimo o pote ia fiar me sento
naquel meu corrunchiño,
mentras que quence o caldo, estonces dígolles:
"¡Vinde, meus queridiños!"
E corren e rebuldan
tan contentos de estar soios conmigo,
ca súa nai, súa dona,
seu único agarimo.
E ¡cánto alí falamos en secreto,
e sempre del, Dios mío!
Del, que por irse alá..., soia deixóume
co corazón ferido.
¡Cántas tristezas, cántos
queixumbrosos sospiros
me atormetaron! ¡Cántos
do meu peito saíron!
Pero todo en sacreto;
que esto a ninguén llo digo:
non foran a pensar que marmuraba
dos feitos que el me fixo.
¡Eu marmurar de tin con xente allea...!
Nunca, meu queridiño,
que ti es meu home, eu túa muller, e debo
calar a miña dor i os teus desvíos.
Só cos meus loucos pensamentos falo,
porque son meus amigos,
e tan discretos, tanto,
que só din o que eu quero e lles premito.
Sin eles, meu Xaquín, ¿qué de min fora?
¡Soia aquí, donde un tempo houben contigo,
estalara de dor, tal como estalan
no lume eses espiños!
Moitas veces, si, moitas...,
pra non deixarme descansar, ¡rabisos!,
antre o meu leito veñen,
e donde ti dormiche fan o niño;
mais eu, tal como agora,
pra non chorar a fío
e non ter que levar mañán de cedo
os ollos como brasas alcendidos
cando vaia ó mercado,
seilles decir: "¡Endimos!,
non me atormentés máis, ide a escondervos
no voso buratiño."
E despídoos de paso
con un amante bico...
Mais si llo dou a eles, ese beixo
é para ti tan só, Xaquín querido.
¡Volve, volve onda min, porque anque diga
que consolada vivo
con estos loucos pensamentos, seica,
seica me axudan a morrer, Dios mío!
Xaquín, Xaquín, que de muller naciche,
e que de outra muller tiveches fillos,
¡ai!, cal teu pai sin túa nai morrera,
ve que morro sin ti, Xaquín querido.

30/06/11

¿Qué lle digo?

-Eu volvo para a terra;
á túa muller Antona, ¿qué lle digo?
-Pois pra non meter guerra,
porque non veña a petar conmigo,
olvidarás que foches meu testigo.
O demáis...; boi á liberdade adoito...
Xa sabe o refrán, meu compañeiro:
a libertá primeiro,
e mellor que alá broa é aquí bizcoito.
-Máis val aquí, coma quen di, solteiro,
que casado e con fillos
andar alá sudando aqueles millos...
¡Entendo, compañeiro!
-Que como poida se goberne Antona,
i anque dela me doio,
como de lonxe nada sei nin oio...
Quen non sabe nin ve... sempre perdona.
Cando xa vello sea,
tornaréi cos meus osos para a aldea,
que algo lle hei de levar á terra nosa;
mais mentras mozo son, non pode sere,
porque si é por mullere,
si é que Antona está alá, teño aquí a Rosa.
-Ésa che é a nai do año,
bon Antón do Riaño,
pero en verdad che digo
que as mulleres son todas o enemigo,
e xa que esto así o sea,
antre a nosa i a allea
máis ou menos graciosa,
pois..., muller por muller, val máis a nosa.
-A nosa é a que nos quer e nós queremos,
que si falta o cariño,
coidando que unha pomba tes no niño,
unha cóbrega tes, filla dos demos.
-Á cóbrega a cabeza se lle esmaga,
e coa súa vida paga.
Mais de Antona a paciencia
¿con qué lle paga, dime, a túa concencia?
¿Qué cura do seu dor a fonda llaga?
-Déixate de concencias e delores,
que non teñen lugare
tratando de mulleres e de amores.
Que ela vexa, se quer, de se curare;
e cóntalle que cando eu o tivere,
xa lle daréi con qué se precurare.
I agora, ¡adiós, hastra que Dios quixere!

26/06/11

Sempre pola morte esperas

Sempre pola morte esperas,
mais a morte nunca ven;
¡coitado!, ¿pensas que as penas
poden matar dunha vez?
Nunca, que son coma o hético:
tras de roer e roer,
só deixan un corpo cando
xa non tén qué comer nel.
Cando a iaugua das penas
se reverte na copa sin medida,
sóio é remedio a morte
para curar da vida.

22/06/11

Ó sol fun quentarme

Ó sol fun quentarme,
doume escallofríos,
cal si o Norte bravo
me arrastrase arisco.
Sentín unha gaita
de alegre sonido,
i os cabelos todos
puñéronseme hirtos;
e tembréi cal tembra
na beira do río
herba que a corrente
toca cos seus limos.
Miña alma dorida,
meu corpo inxeliño,
faivos mal a gaita,
dávos o sol frio.
Miña alma, meu corpo,
se non é feitizo,
é que a morte querme
para o meu enxido.

19/06/11

Cómo lle doi a ialma

¡Cómo lle doi a ialma,
pero cánto lle doi!
De día nin de noite
non para ca delor.
¡Señor, vó-la fixeche;
Señor, curaina vós!

I o corazón ferido,
tamén ¡cánto lle doi!
I eu ben sei que non pode
sandar do corazón.
¡Señor, daille descanso
na terra que a crióu!
¡Que o polvo torne ó polvo,
i o esprito ó ceu, bon Dios!

15/06/11

No craustro

Dábanse bicos as pombas,
voaban as anduriñas,
xogaba o vento coas herbas
pobradas de margaridas,
i as lavandeiras cantaban
mentras a fonte corría.
Fóronse indo unha tras doutra,
i alí se quedóu soíña,
ca triste frente incrinada
cabe unha arcada sombrisa...
Estonces, non sei qué sombras,
quizáis de memorias vivas,
quizáis dos frades difuntos,
pasar en procesión mística
veu naquelas soledades
que amaba canto temía.
Tembróu de angustia e de pena,
e con amarga sorrisa,
mirando aos xasmíns sin follas
que iban a brotar axiña,
marmuróu, mentras dos ollos
as bagullas lle caían:
"Todo volve, todo torna,
menos o ben que eu quería;
todo, todo aquí se queda:
eu soia vou de fuxida.
Non hei de vervos máis, frores,
adorno desas cornisas;
nin a oír os teus marmurios,
fonte que a gozar convidas;
nin a contemprarvos, pedras,
testigos da pena miña.
Outros virán profanarvos,
mentras eu morro esquencida."
Sonaron pasos nas bóvedas,
sopróu unha forte brisa,
oiéuse unha carcaxada
cal si do inferno saíra:
era o trasno do convento,
que recordando outros días,
ríaxse das ansias negras
e da orfandá da meniña.

11/06/11

Dende aquí vexo un camiño

Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n'o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunc amáis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.

08/06/11

Anque me des viño do Ribeiro de Avia

Anque me des viño do Ribeiro de Avia
todos os almibres e toda as viandas
das que os reises comen e no mundo haxa,
ña madre querida, non sei qué me falta.
Anque me traiades como un santo en palmas
e que me poñades de todas as galas
e que me levedes á corte de España,
ña madre querida, non sei qué me falta.
E anque me des ouro, e anque me des prata,
diamantes e alxofres, pelras e esmeraldas
e canto hai no mundo, non me dades nada,
porque, ña madriña, non sei qué me falta.
Da esperanza hermosa cortáronme as alas,
e n'hai alegría si n'hai esperanza.

05/06/11

Médico, doille a cabeza...

-Médico, doille a cabeza...
Zuruxán, doille unha man...
Mais se é que o esprito lle doi,
¿qué menciña lle darás?
-Para infirmidás das almas
na terra cura non hai;
pídelle a Dios que cha leve;
quizás no ceu sandará.

30/05/11

O meu olido máis puro

O meu olido máis puro
dérache si eu fora rosa,
o meu mamurio máis brando
si é que do mar fora onda,
o bico máis amoroso
se fose raio da aurora,
si Dios... Mais ben sei que ti
non qués de min nin a groria.

22/05/11

¡Quérome ire, quérome ire!

¡Quérome ire, quérome ire!
Para dónde, non o sei.
Cégame os ollos a brétema.
¿Para dónde hei coller?

N'acougo cunha inquietude
que non me deixa vivir:
quero e non sei o que quero,
que é todo igual para min.

Quérome ire, quérome ire,
din algúns que a morrer van;
¡ai!, queren fuxir da morte,
¡i a morte con eles vai!

10/05/11

N'é de morte

-¿Xa estás de volta, Rosa de Anido?
¡Eu non coidara verte tan cedo!
I as meigas todas contigo, Rosa,
aló na vila seica andiveron,
que de difunto tes a colore
i a vista brava, i o falar seco.
-É que de pena, da terra lonxe,
pouquiño a pouco me iba morrendo;
mais... colorosa me verás logo,
que agora vivo porque te vexo.
-¡Tola de Rosa, co que ela sai!
¿Inda te acordas daqueles tempos?
-¡Se inda me acordo...! ¿Cómo olvidalos,
cando tan sóio sei pensar neso?
Bebemos xuntos naquela fonte,
xuntos pousamos naquel portelo,
herba collemos xuntos no prado,
e íbamos xuntos tomá-lo fresco
no mes de agosto dendes que a lúa
branca saía treas dos outeiros.
Estas lembranzas me consumían,
de ti apartada, da terra lexos...
Pero e ti, dime, ¿non te acordaches
e non te acordas de todo aquelo?
-¡Ti qué me pides, rapaza, cando
desmemoriado son como un deño!
I ademáis, Rosa, diréicho todo
pra que non volvas a pensar nesto.
Bebín con outras naquela fonte,
pouséi con outras naquel portelo,
¡ai, e con tantas á luz da lúa
no mes de agosto toméi o fresco...!
Dime, neniña, si un home pode
cargar con tantos recordos destos,
e si non debe botalos fora
porque n'estorben no pensamento,
Quíxente un día, quíxente, Rosa;
mais di unha copra que o amor i o vento,
desque fixeron o seu facido,
vanse, rapaza, como viñeron.
¡E qué lle vamos a facer, Rosa,
si aquestas cousas non tén remedio!
¡Adiós!, pra a Habana domingo embarco;
i anque ora chores, non teñas medo,
que mal de amores n'é mal de morte,
i ó fin i ó cabo pasa co tempo.

30/04/11

Vivir para ver

Marcháchete un día
ti, aquel que eu quería;
fuxiste da terra
que tanta alegría
i encantos encerra.
Dixeches: "María,
máis dose que as meles,
máis linda que as frores,
paloma sin feles,
non chores, non chores,
que ausencia envivece,
non mata, nin esquece
os doses amores
que a dicha axuntóu.
¡Eu vome...!, mais si ora
delor nos ofrece
fertuna traidora,
jamás te olvidara
quen tanto te adora,
quen tanto de amara.
¡Adiós, miña vida!
No peito escondida
te levo, antretano
non torno a te ver.
¡Ti espera!, pois xuro
por Dios sacrosanto,
que si non morrer,
aquí hei de volver."
Morrer, non morreche...,
i anque eu esperara...,
¡qué ben que compriche
palabra que diche,
amor que tiveche!
Que os anos pasaron,
as frores mucharon,
os negros cabelos
en brancos tornaron;
e nunca máis, nunca,
¡poder dun querer!,
quixeches volver...
Vivir para ver.

24/04/11

Meus pensamentos, ¡cál voás tolos...!

Meus pensamentos, ¡cál voás tolos...!
¿Adónde vas?
¿Adónde? Adónde, si eu non o digo,
naide o sabrá.

Da fonte ó río, do río á veiga,
da veiga ó mar.
¿Qué buscás, tolos...? Si eu non o digo,
naide o sabrá.

Meus pensamentos..., ¿por qué perenes
me atormentás?
¿Por qué ís decote, ¡ai!, si adonde ides
naide o sabrá?

Cal palomiña buscás a llama
que vos queimar...
I a triste morte que vós teredes,
naide a sabrá.