Da catedral campana
grave, triste e sonora,
cando ó raiar do día
o toque de alba tocas,
no espazo solencioso
soando malencónica
as túas bataladas
non sei qué despertares me recordan.
Foron algúns tan puros
como o fulgor da aurora,
outros cal a esperenza
que o namorado soña,
i á derradeira inquietos,
mitá luz, mitá sombras,
mitá un pracer sin nome,
e mitá unha sorpresa aterradora.
¡Ai!, que os anos correron
e pasaron auroras,
e menguaron as dichas,
e medrano as congoxas.
E cando ora, campana,
o toque de alba tocas,
sinto que se desprenden
dos meus ollos bagullas silenciosas.
¡Qué xorda e tristemente,
qué pavorosa soas
no meu esperto oído,
mensaxeira da aurora,
cando ó romper do día
pausadamente tocas...!
¡En dónde van aqueles
despertares de dichas e de groria?
Pasaron para sempre;
mais ti, grave e sonora,
¡ai!, ó romper do día,
ca túa voz malecónica
ves decote a lembrarnos
cada nacente aurora;
e parece que a morto
por eles e por min a un tempo dobras.
Da catedral campana,
tan grave e tan sonora,
¿por qué a tocar volveches
a ialba candorosa
desque eu houben de oírte
en bagullas envolta?
Mais ben pronto..., ben pronto, os meus oídos
nin te orirán na tarde nin na aurora.
Sem comentários:
Enviar um comentário