14/10/10

Amigos vellos

Cando antre as naves tristes e frías
de alto mural,
cal elas fría, cal elas triste,
ó ser da tarde vou rezar,
¡qué pensamentos loucos e estraños
á miña mente veñen e van!

Xordo silencio que eu xa conoso,
que é meu amigo de anos atrás,
pero que é cheo de outras lembranzas,
pero onde o esprito parez que escoita
eco mortal,
reina nos ámbitos da gran basílica
con misteriosa serenidad.

Incertas sombras, raios tembrosos,
cabo do altar,
pousan, vaguean, foxen i agrándanse
de adiante atrás.
I o Santo Apóstol, sempre sentado
no seu sitial
de prata e ouro, contempra inmóvil
con ollos fixos canto alí está.

Quén fora pedra, qué fora santo
dos que alí hai;
como San Pedro, nas mans as chaves;
co dedo en alto como San Xoán,
unhas tras outras xeneracioes
vira pasar,
sin medo á vida, que dá tormentos;
sin medo á morte, que espanto dá.

Logo se acaba da vida a triste
pelerinax.
Os homes pasan, tal como pasa
nube de vran.
I as pedras quedan..., e cando eu morra,
ti, catedral,
ti, parda mole, pesada e triste,
cando eu non sea, ti inda serás.

Sem comentários:

Enviar um comentário