02/10/10

A gaita gallega

Resposta
ao eminente poeta D. Ventura Ruíz de Aguilera

I
Cando este cantar, poeta,
na lira xemendo entonas,
non sei o que por min pasa
que as lágrimiñas me afogan,
que ante de min cruzar vexo
a Virgen-mártir que invocas,
cos pes cravados de espiñas,
cas mans cubertas de rosas.
En vano a gaita, tocando
unha alborada de groria,
sons polos aires espalla
que cán nas tembrantes ondas;
en vano baila contenta
nas eiras a turba louca,
que aqueles sons, tal me afrixen,
cousas tan tristes me contan,
que eu podo decirche:
non canta, que chora.



II
Vexo contigo estos ceos,
vexo etas brancas auroras,
vexo estes campos froridos
onde se arrullan as pombas,
i estas montañas xigantes
que aló cas nubes se tocan
cubertas de verdes pinos
e de froliñas cheirosas;
vexo esta terra bendita
donde o ben de Dios rebota
e donde anxiños hermosos
tecen brillantes coroas;
mais, ¡ai!, como tamén vexo
pasar macilentas sombras,
grilos de ferro arrastrando
antres sorrisas de mofa,
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.

III
Falas, i o meu pensamento
mira pasar temerosas
as sombras deses cen portos
que ó pe das ondiñas moran,
e pouco a pouco marchando
fráxiles, tristes e soias,
vagar as naves soberbas
aló nunha mar traidora.
I ¡ai!, como nelas navegan
os fillos das nosas costas
con rumbo á América infanda
que a morte co pan lles dona,
desnudos pedindo en vano
á patria misericordia,
anque contenta a gaitiña
o probe gaiteiro toca,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.

IV
Probe Galicia, non debes
chamarte nunhca española,
que España de ti se olvida
cando eres, ¡ai! tan hermosa.
Cal si na infamia naceras,
torpe de ti se avergonza,
i a nai que un fillo despresa
nai sin corasón se noma.
Naide por que te levantes
che alarga a man bondadosa;
naide os teus prantos enxuga,
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tes patria,
ti vives no mundo soia,
i a prole fecunda túa
se espalla en errantes hordas,
mentras triste e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides,
de Dios a esperanza imploras.
Por eso anque en son de festa
alegre á gaitiña se oia,
eu podo dicirche:
non canta, que chora.

V
"Espera, Galicia, espera."
¡Cánto este grilo consola!
Páguecho dios, bon poeta,
mais é unha esperanza louca;
que antes de que os tempos cheguen
de dicha tan venturosa,
antes que Galicia suba
ca cruz que o seu lombo agobia
aquel difícil camiño
que ó pe dos abismos toca,
quisáis, cansada e sedenta,
quisáis que de angustias morra.
Págueche Dios, bon poeta,
esa esperanza de groria,
que de teu peito surxindo,
á Virgen-mártir coroa,
i ésta a recompensa sea
de amargas penas tan fondas.
Págueche este cantar triste
que as nosas tristezas conta,
que soio ti..., ¡ti entre tantos!,
das nosa mágoas se acorda.
¡Dina voluntad dun xenio,
alma pura e xenerosa!
E cando a gaita gallega
aló nas Castillas oias,
ó teu corazón pregunta,
verás que che di en resposta
que a gaita gallega
non cata, que chora.

Sem comentários:

Enviar um comentário