¡Por qué esiste? ¿Quén é? ¿Dónde a soberba
morada ten? ¿Arteira, en dónde habita?
Sono lixeiro ou pasaxeira nube
pra moitos é que apenas deixa rastro.
Outros os golpes alevosos sinten
que lle asesta con negra traidora
dende o comenzo ó fin da vida escrava.
Pero n'a ven, anque a mirada tendan
arredor, para evitaren, cántos,
o seu bafo pestífero, n'a atopan
no espaso, nin na terra, nin no mare,
anque ela en todo está, sempre dañina.
.........................................................
O mal do inferno é fillo, o ben do ceo;
a disgracia ¿de quén? Loba que nunca
farta se ve, que o seu furor redobra
da fonda frida á vista ensangrentada,
¿de dónde ven?, ¿qué quer?, ¿por qué a consintes,
potente Dios, que os nosos males miras?
¿Non ves, Señor, que o seu poder afoga
a fe i o amor no esprito que en Ti fía?
¡Cómo endurece o corazón que un tempo
era todo brandura! ¡Cómo mata
da espranza a luz, que un resprandor tranquilo
nos astros derramada da esistencia,
nova forza prestando ó pe pe cansado
e máis valor á ialma temerosa!
Todo o mucha ó seu paso, a pranta súa
maldita todo para sempre estraga;
todo a súa lama pegaxosa entrubia.
¡E qué oco tan profundo fai en torno
daquel a quen persigue! ¡Cómo fuxen
as xentes del pra non oír os laios
que o seu penar lle arrinca, ou a espantosa
brasfemia que con labio balbucente
a sí mesmo mordéndose prenuncia!
Que apestado n'ecsiste nesta vida
que tanto horror á humanidade cause
como o que da desgracia vai tocado.
¡E cómo non, si o ben contra el se volve,
si o mesmo sol non loce onde el habita,
si a fonte onde beber envenenada
decote está, i o pan se volve asentes
para seu paladar, i o mar sin fondo
enxoito nun instante se quedara
si el na onda amarga se afogar quixera;
e nos brazos da morte que aborrece,
a mesma morte o deixa abandonado!
¡Ah, piedade, Señor!, ¡Barre esa sombra
que en noite eterna para sempre envolve
a luz da fe, do amor e da esperanza!
Sombra de horror que os astros briladores
escurece dos ceos, que un novo inferno
neste mundo formóu, e un mundo novo,
donde todo valor perde os seus bríos
e toda forza sin loitar se estrela,
onde as tinebras da impiedá, estendidas,
borran todo camiño que a Ti guie.
¡Dios de bondá, co teu potente sopro
de nós aparta ese fantasma horribre
que a desesperazón dá por remate;
pois xa abasta cas dores, ca miseria
da carne fraca e coa infalibre morte
pra tormento e castigo dos que, tristes
porque pecaron, viven desterrados
da patria celestial por que suspira!.
Sem comentários:
Enviar um comentário