17/11/10

¡Nin ás escuras!

I
-Todo está negro, as sombras envolven a vereda,
e nin o ceu ten ollos, nin o pinar ten lengua.

¡Vamos! Do que hai oculto, ¿quén midéu as fonduras?
¡Alma n'habrá que sepa...! ¡Ven...! A noite está escura.

-¿Escura...?; mais relumbra non sei qué luz traidora...
-É unha estrela que brila nas augas bulidoras.

-¿E non oies que runxe algo onde aquel herbal?
-É o vento que anda tolo correndo antre a follax.

-Escoita, sinto pasos, e asoma seica un bulto...
-¡Si é un vivo, matarémolo; non fala si é difunto!

Mais aquí onde este cómaro, hai unha cova fonda:
ven, e santos ou deños, que nos atopen ora.

II
¡Adónde iréi conmigo? ¿Dónde me esconderéi,
que xa ninguén me vexa i eu non vexa a ninguén?

A luz do día asómbrame, pásmame a das estrelas,
i as olladas dos homes na ialma me penetran.

I é que o que dentro levo de min, penso que ó rostro
me sai, cal sai do mare ó cabo un corpo morto.

¡Houbera, e que saíra...!; mais non: dentro te levo,
¡fantasma pavoroso dos meus remordementos!

Sem comentários:

Enviar um comentário