Para uns, negro;
para outros, branco;
e para todos,
traspoleirado.
I
-Sé astuto si é que sabes;
víngate das ofensas si é que podes;
ó que che sirva, págalle;
mais a quen non che dé, nunca lle dones;
porque a moral dos santos
non reza sempre ca moral dos homes.
Esto un gallego montañés e rudo,
farto de humillaciós e de rencores,
ó agonizar lle aconsellaba a un fillo,
herdeiro dos seus mals e de seu home.
II
-Sé inxenuo e leal sempre,
perdoa a quen te ofrenda,
fai ben decote a amigos i enemigos
i, á porta franca, sin temor, espera:
n'hai máis que un Dios i unha moral que salve
ós tristes fillos de Eva.
Esto a probe viuda
do montañés, morrendo antre a miseira,
resinada ó seu fillo lle dicía...
I a Dios o esprito lle entregóu serena.
III
E fíxolle el as honras,
mais tan só con xemidos e con bágoas;
crego non houbo ó rededor que á probe
o enterro de limosna lle cantara.
Nun corruncho do adro
onde as ortigas ásperas medraban,
sin cruz, señan nin lousa,
alí quedóu perdida e sepultada;
e triste o fillo e soio,
tornóu sañudo á solitaria casa.
"Meu pai doume un consello -iña pensando-
e miña nai doume outro;
e si ela tiña santidá e concencia,
esprencia el tiña e sabidá dabondo.
Son fillo del e dela...
Partiréi, pois, a hirencia de dous modos.
Ña nai: faréille ben a que cho fixo.
Meu pai: vinganza piden os teus osos."
Sem comentários:
Enviar um comentário