23/12/10

Tristes recordos

Unha tarde alá en Castilla
brilaba o sol cal decote
naqueles desertos brila.

Craro, ardoroso e insolente,
con perdón del, pois n'é modo
aquel de queimá-la xente.

e secar con tales bríos
a probe inxeliña pranta,
a fonte, os sedentos ríos.

Unha tarde, ¡ouh, qué tristeza
me acometéu tan traidora,
véndome en tal aspereza!

¡Adónde vin a parar!,
pensaba mirando o ceo
para a terra non mirar.

Porque o ceo era, eso sí,
un máis ou menos azul
como o que temos aquí.

Mentras que a terra, ¡bon Dios...!
Señor, ¿posibre será
que aquéla o fixeses Vós?


Mais ¿por qué estrañarme tal
si as cousas que Vós facés
jamás as facedes mal?

Fixestes tan tristes llanos,
mais fixécheos, Dios cremente,
sóio para os castellanos.

¡Ai!, cada pomba ó seu niño,
cada conexo ó seu tobo,
cada ialma ó seu cariño.

Aquesto me eu repetía
naquela tarde, recordo
de negra malencolía.

E namentras, contempraba
da igual, estensa llanura
a terra que branqueaba.

Do largo pinar cansado
a negra mancha sin término,
do puebro o color queimado.

I antre o chan i o firmamento,
as nubes de denso polvo
que iba levantando o vento.

Do deserto fiel imaxe,
¡co mesmo alento de brasa,
co mesmo ardente coraxe!

Ó lonxe o mular pasaba,
viña a tourada máis preto,
a ovella enferma balaba.

E no xa queimado espiño,
fuxindo do sol ardente,
pousábase o paxariño.

¡Dios mío, qué ansia cativa!
Pesaba en min a tristeza,
cal se me enterrasen viva.

Lembranzas da terra hermosa,
calmá ca vosa frescura
as penas da alma chorosa.

Porque ese sedento río
envolto en malinas brétemas,
dá callentura, dá frío.

De pronto oín un cantar,
cantar que me conmovéu
hastra facerme acorar.

¡Era a gallega canzón,
era o alalá..., que fixo
bater o meu corazón

con un estraño bater,
doce, como o ben amar;
fero, como o padecer!

De polvo e sudro cubertos
ca fouce ó lombo, corrían
por aqués campos desertos

un fato de segadores...
¡I eran eles, eran eles
os meigos dos cantadores!

¡Adiós, pinares queimados!
¡Adiós, abrasadas terras
e cómaros desolados!

Pechéi os ollos e vin...:
vin fontes, prados e veigas
tendidos ó pe de min.

Mais cando a brilos tornéi,
morrendo de soidades,
toda a chorar me matéi.

E non paréi de chorar
nunca, hastra que de Castela
houbéronme de levar.

Leváronme para nela
non me teren que enterrar.

Sem comentários:

Enviar um comentário