I
Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país;
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa,
que anos conta sin fin,
¡qué contos pracenteiros, qué amorosas
falas se din alí!
¡Risas que se oien nas seráns tranquilas
do cariñoso abril!
E tamén ¡qué tristísimos adioses
se acostuman oír!
II
-Quen casa ten de seu, ten media vida.
Unhas telliñas para nos crubir,
catro pauis que ardan na lareira nosa,
¡e a traballar sin fin!
¡Valor, valor! I espera, desdichado,
mentras teñas aquí
unhas paredes tristes e desnudas,
mais que herdache, infeliz,
e das que naide despoxarte pode.
¿Naide...? A miseria, si.
III
O forno está sin pan, o lar sin leña,
non canta o grilo alí
e se non é coa pena que o consome,
e probe soio está co seu sofrir.
Sin qué comer e sin abrigo tembra,
porque os ventos sutils
húmedos inda, silban entre as pedras
i as portas fan xemir.
¡Qué ha de facer, Señor, si o desamparo
ten ó redor de sí!
¿Deixar a terra en que nacéu i a casa
en que espera ter fin?
¡Non, non, que o inverno xa pasóu i a hermosura
primadera vai vir!
¡Xa os árbores abrochan na horta súa,
xa chega o mes de abril,
i anque a torrentes chove en horas tristes,
en outras o sol ril;
xa a terra pode traballarse; a fame
dos probes vai fuxir!
¡Ai!, o que en ti nacéu, Galicia hermosa,
quere morrer en ti.
IV
¡Ouh miña parra de albariñas uvas,
que a túa sombra me das!
¡Ouh ti, sabugo de froriñas brancas,
que curas todo mal!
¡Ouh ti, en fin, miña horta tan querida
e meus verdes nabals!
¡Xa non vos deixo, que as angustias negras
lonxe de min se irán!
O vran chega crubíndovos de fruto,
todos son ricos xa,
os paxariños tén gran nas campías,
abrigo na follax.
As noites son traquilas e serenas,
craro é sempre o luar,
por antre as tellas entran os seus raios
i hastra o meu leito van,
i así durmo alumado pola lámpara
que ós probes lle luz dá:
lámpara hermosa, eternamente hermosa,
consolo dos mortals.
V
Esos varios sendeiros das montañas
ós fondos vales cán...
Aló enriba o sun sun dos pinos bravos;
en baixo, a dose paz.
Na cima, crara luz, aires purísimos,
salvaxen soledá,
romores misteriosos que despertan
pensamentos de brava libertá,
prefumes penetrantes que deseios
loucos e estraños dan;
en baixo, amante calma, cariñosas
brisas que ó rebuldar
por antre as follas, nas súas alas traen
romores de siudad,
eco dalgunha vos fresca e sonora
de timbre virxinal,
da campana da aldea o cramoroso
prolongado soar,
da presa do moíño o ronco estrondo,
i o batidor compás
de lavandeira que cos brancos liños
contra unha pedra dá.
VI
¡Sí, sí! Dios fixo esta encantada terra
pra vivir e gozar;
pequeno paraíso, este é un remedo
do que perdéu Adán.
Este prácido sol que nos aluma;
estes aires do mar;
este tempre soave; estas campías
que non teñen igual;
esta fala mimosa que nós temos,
de tan dose solás,
que non sabe decir sinón cariños
que hastra os corazós van;
esta terra, n'hai duda..., Dio-la fixo
pra ser amada e amar.
¡Ei, Galicia, a que domr soños de ánxel,
e chora ó despertar
bágoas que si consolan as súas penas,
non curan os seus mals!
VII
Que ten aman os teus fillos...; que os consome
do teu chan se apartar;
que ximen sin consolo, si a outras terras
de lonxe a morar van;
que aló está o corpo nas rexiós alleas
i o esprito sempre acá,
que só viven, só alentan cas lembranzas
do seu país natal
e coa esperanza, coa esperanza ardente
de a Galicia tornar...
E ¡cómo no adorarte deste modo,
santa e querida nai,
cómo non morrer lonxe daquel seio
que mel de meles dá,
i é groria i é contento e paraíso
no mundo terreal!
VIII
¡Qué hermosa te dou Dios, terra querida,
desdichada beldá!
¡Qué brando e melancólico sosego
sinto ó te contemprar!
¿Por qué, por qué antre as frores as espiñas
entretexidas van,
nesa coroa que a túa testa ciñe
de verdor eternal?
¡Ouh Galicia, Galicia!, a arpa sonora
pronto descolga xa
da seca ponla onde olvidada dorme,
dorme, a sigros contar.
Os bardos fillos teus a voz levanten
das cordas ó compás
i enchan o mundo armónicas i altivas
tan só pra te alabar.
Sem comentários:
Enviar um comentário