15/06/11

No craustro

Dábanse bicos as pombas,
voaban as anduriñas,
xogaba o vento coas herbas
pobradas de margaridas,
i as lavandeiras cantaban
mentras a fonte corría.
Fóronse indo unha tras doutra,
i alí se quedóu soíña,
ca triste frente incrinada
cabe unha arcada sombrisa...
Estonces, non sei qué sombras,
quizáis de memorias vivas,
quizáis dos frades difuntos,
pasar en procesión mística
veu naquelas soledades
que amaba canto temía.
Tembróu de angustia e de pena,
e con amarga sorrisa,
mirando aos xasmíns sin follas
que iban a brotar axiña,
marmuróu, mentras dos ollos
as bagullas lle caían:
"Todo volve, todo torna,
menos o ben que eu quería;
todo, todo aquí se queda:
eu soia vou de fuxida.
Non hei de vervos máis, frores,
adorno desas cornisas;
nin a oír os teus marmurios,
fonte que a gozar convidas;
nin a contemprarvos, pedras,
testigos da pena miña.
Outros virán profanarvos,
mentras eu morro esquencida."
Sonaron pasos nas bóvedas,
sopróu unha forte brisa,
oiéuse unha carcaxada
cal si do inferno saíra:
era o trasno do convento,
que recordando outros días,
ríaxse das ansias negras
e da orfandá da meniña.

Sem comentários:

Enviar um comentário