¡Cantas frores silvestres nos valados,
que festós e que encaixes
primorosos de musgos e verdura;
que colorido, que follax nos árbores
mentras as brisas mansamente corren,
coma alento dos ánxeles!
Reina na veiga un prácido sosego,
cai a luz nos regueiros en cambiantes,
i o cómaro e cañada soavemente
van querbando o paisaxen,
lixeiramente envolto nos vapores
da misteriosa tarde.
Só se sinte o piar do paxariño,
o marmurar das auguas,
e na cima do monte o cantar triste
dunha muller que pasa,
mentras co sue marmurio o manso rego
naquel ritmo monótono a acompaña.
¡Que tristeza tan dose!
¡Que soidá tan prácida!
Mais para un alma en orfandá sumida,
¡que soida tan deserta e tan amarga!
Sin mirar, fixa os ollos
nas brétemas leixanas,
vaporosas e leves
que o sol pinta de grana,
i as mans en cruz, i os ollos
arrasados en bágoas,
marmura saloucando: "¡Quérome ire,
porque agonizo aquí desconsolada!
Millor que acá antre rosas
¡ai!, quero ir a morrer adonde el vaia."
E no fondo do barco
soíña, abandonada,
tras seu amor i a morte, para América,
para morrer de dor, ao mar se lanza.
Sem comentários:
Enviar um comentário