13/07/10

Dios bendiga todo, nena

- Dios bendiga todo, nena;
rapaza, Dios te bendiga,
xa que te dou tan grasiosa,
xa que te dou tan feitiña
que, anque andiven moitas terras,
que, anque andiven moitas vilas,
coma ti non vin ningunha
tan redonda e tan bonita.
¡Ben haia quen te pariu!
¡Ben haia, amén, que te cría!

- Dios vos garde, miña vella;
gárdevos Santa Mariña,
que, abofé, sos falangueira,
falangueira e ben cumprida.



- Meniña, por ben falada
ningunha se perdería.
Cóllese antre os paxariños
aqueles que mellor trían.
Morre afogado antre as pallas
o pitiño que non chía.

- Pois si vós foras pitiño,
dígovos, miña velliña,
que dese mal non morreras;
que chiar, ben chiarías.

- ¡Ai! ¡Qué, si non, de min fora,
miña filla, miña filla!
Sin agarimo no mundo
desde que nasín orfiña,
de porta en porta pedindo
tiven que pasar a vida.
E cando a vida se pasa
cal vida de pelegrina,
que busca pelegrinando
o pan de todos-los días,
de cote en lares alleos,
de cote en estrañas vilas,
hai que deprender estonces,
por non morrer, coitadiña,
ó pe dun valo tumbada
e de todos esquecida,
o chío dos paxariños,
o recramo das pombiñas,
o ben falar que comprase,
a homildá mansa que obriga.

- ¡Moito sabés, miña vella,
moito de sabiduría!
¡Quén poidera correr mundo
por ser como vós sabida!
Que anque traballos se pasen
aló polas lonxes vilas,
tamén ¡que cousas se saben!,
tamén ¡que cousas se miran!

-Máis val que n'as mires nunca,
que estonces te perderías:
¡o que ó sol mirar precura
logo quedará sin vista!

- Dirés verdá, miña vella;
mais craras as vosas niñas
emprestóuvos hastra agora
groriosa Santa Lucía.

- Moita devosón lle teño,
¡miña santiña bendita!;
mais non sempre as niñas craras
son proba de craras vistas.

Moitas eu vin como a auga
que corre antre as penas frías
gorgoxeando de paso,
sereniña, sereniña,
que antre tiniebras pousaban,
que antre tiniebras vivían,
nas tiniebras dos pecados
que son as máis escondidas.

- Si de pecados falades,
é pan que onde queira espiga,
en toda-las partes crese,
en todas as partes se cría;
mais un son cor de veneno,
outros de sangre runxida,
outros, como a noite negros,
medran cas lurpias dañinas
que os paren entre ouro e seda,
arrolados pola envidia,
mantidos pola luxuria,
mimados pola cobiza.

- "Quen ben está, ben estea."
Déixate estar, miña filla,
nin precures correr mundo,
nin tampouco lonxes vilas,
que o mundo dá malos pagos
a quen lle dá prendas finas,
e nas vilas mal fixeras
que aquí facer non farías;
que, anque ese pan barolento
en todas partes espiga,
nunhas apoucado crese,
noutras medra que adimira.

- Falás como un abogado,
e calquera pensaría
que desprendestes nos libros
tan váreas palabrerías,
todiñas tan ben faladas,
todiñas tan entendidas.
E tal medo me puñeches,
que xa de aquí non saíra
sin levar santos escritos
e medalliñas benditas
nun lado do meu xustillo,
xunto dunha negra figa,
que me librasen das meigas
e máis das lurpias dañinas.

- Que te libren de ti mesma,
pídelle a Dios, rapariga,
que somos nós para nós
as lurpias máis enemigas.
Mais xa ven a noite vindo
co seu manto de estreliñas;
xa recolleron o gando
que pastaba na curtiña;
xa lonxe as campanas tocan,
tocan as Ave-Marías;
cada conexo ó seu tobo,
lixeiro, lixeiro tira,
que é mal compañeiro a noite
si a compañeiro se obriga.

Mais, ¡ai!, que eu non teño lobo
nin burata conocida,
nin tellado que ma cruba
dos ventos da noite fría.
¡Qué vida a dos probes, nena!
¡Qué vida! ¡Que amarga vida!
Mais Noso Señor foi probe.
¡Que esto de alivio nos sirva!

- Amén, miña vella, amén;
mais, polas almas benditas,
hoxe dormirés nun leito
feito de palliña triga,
xunta do lar que vos quente
ca borralliña encendida,
e comerés un caldiño
con patacas e nabizas.

- ¡Bendito sea Dios, bendito!
¡Bendita a Virxe María,
que con tanto ben me acode
por unha man compasiva!
O señor che dé fortuna
con moitos anos de vida.
¡Vólvanseche as tellas de ouro,
as pedras de prata fina,
e cada gran seu diamente
che se volva cada día!
I agora, miña rapaza,
porque un pouco te adivirtas
bailando cas compañeiras
que garulan na cociña,
heiche de contar historias,
heiche de cantar copriñas,
heiche de tocas as cunchas,
miña carrapucheiriña.

Sem comentários:

Enviar um comentário