13/07/10

Unha vez tiven un cravo

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa si era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Sóio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
"Señor, que todo o podedes
-pedinlle unha vez a Dios-,
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición."
E doumo Dios, e arrinquéino;
mais... ¿quén pensara...? Despóis
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor...!

Sem comentários:

Enviar um comentário