Díxome nantronte o cura
que é pecado...
Mais aquél de tal fondura
¿cómo o facer desbotado?
Dálle que dálle ó argadelo,
noite e día,
e pensa e pensa naquelo,
porfía que te porfía...
Sempre malla que te malla,
enchendo a cunca,
porque o que o diancre traballa
din que acaba tarde ou nunca.
Canto máis digo: "¡Arrenegado!
¡Demo fora!",
máis o demo endemoncrado,
me atenta dempóis i agora.
Máis ansias teño, máis sinto,
¡rematada!,
que non me queira Jacinto
nin solteira nin casada.
Porque deste ou de outro modo,
a verdá digo,
quixera atentalo e todo,
como me atenta o enemigo.
¡Que é pecado..., miña almiña!
Mais que sea,
¿Cál non vai, si é rapaciña,
buscando o que ben desea?
Nin podo atopar feitura,
nin asento,
que me está dando amargura
sempre este mal pensamento.
Din que parés lagarteiro
desprumado,
si é verdad, ¡meu lagarteiro
tenme o corasón prendado!
"Cara de pote fendido"
ten de alcume;
mellor que descolorido,
quéroo tostado do lume.
Si elas cal eu te miraran,
meu amore,
nin toliña me chamaran,
nin ti me fixeras dore.
Vino unha mañán de orballo,
á mañecida,
durmindo ó pe dun carballo,
enriba da herba mollida.
Arriméime paseniño
á súa beira,
e sospiraba mainiño
coma brisa mareeira.
E tiña a boca entraberta,
como un neno
que mirando ó ceu desperta
deitadiño antre o centeno.
I as guedellas enrisadas
lle caían,
cal ovellas en manadas,
sobre as froliñas que abrían.
¡Meu Dios! ¡Quén froliña fora
das daquélas...!
¡Quén as herbas que en tal hora
o tiñan pretiño delas!
¡Quén xiada, quén orballo
que o mollóu!
¡Quén aquel mesmo carballo
que cas ponlas o abrigóu!
Mentras que así o contempraba,
rebuléu;
e pensei que me afogaba
o corasonsiño meu.
Bate que bate, batía
sin parar;
mais eu tembrando decía:
"Agora lle hei de falar."
E volvéu a rebulir
moi paseniño.
¡Ai!, e botéi a fuxir,
lixeira polo camiño.
Dempóis, chora que te chora,
avergonzada,
dixen: "Si el non me namora,
non lle diréi nunca nada."
E non me namora, non,
¡maldizoado!
Mentras o meu corasón
quérelle anque sea pecado.
E vai tras de outras mociñas
tan contento,
i eu con unhas cadiñas
predino ó meu pensamento.
E que queira que non queira,
está comigo,
i á postre i á derradeira,
con el me atenta o enemigo.
¡Sempre malla que te malla
enchendo a cunca!
I é que o que o demo traballa,
acabará tarde ou nunca.
Por eso, anque o cura dixo
que é pecado,
mal que tanto mal me fixo
nunca o daréi desbotado.
Sem comentários:
Enviar um comentário