14/09/10

Castellana de Castilla

Castellana de Castilla,
tan bonita e tan fidalga,
mais a quen para ser fera
ca procedensia lle abasta.
Desíme, miña señora,
xa que os mostrás tan ingrata,
si o meu rendimento homilde
bascas de enoxo vos causa,
pois cando onda vós me achego
cuspís con ardentes ansias
i ese mirar de pombiña
volvés en fosca mirada,
tornando en sombrisa noite
o día que o sol se baña.
En vano intento, señora,
saber por qué me maltrata
dama dun alma tan nobre,
aunque soberba por fama,
pois n'é motivo a despreso
sintirse tan ben amada,
que as mesmas pedras, señora,
dun bon querer se folgaran.
Din que na nobre Castilla
así ós gallegos se trata;
mais debe saber Castilla,
que de tan grande se alaba,
que sempre a soberbia torpe
foi filla de almas bastardas;
e sendo vós tan sabida,
nunca de vó-lo pensara,
que de tan alto baixando
vos emporcastes na lama;
nin que chamándovos nobre,
tanta nobreza enfousaras
imitando ós que vaidosos
no que está débil se ensañan.
Pero máis val que enmudesa,
pois tes condición de ingrata;
que predicar en deserto
da miña terra n'é usanza.
Si fun curpabre en quereros
coma ningún vos amara,
por ser de terra gallega
e serdes vós castellana,
en paz, señora, vos deixo
ca vosa soberba gracia,
e voume á Galicia hermosa
donde en xuntanza me agardan
o que non tendes, señora,
i o que en Castilla n'achara:
campiños de lindas rosas,
fontiñas de frescas auguas,
sombra na beira dos ríos,
sol nas alegres montañas,
caras que nacen sorrindo
e que sorrindo vos aman,
e que inda mesmo morrendo
en sonrisiñas se bañan.
Ali, señora, contento
cantando a doce ala lala,
baixo a figueira frondosa,
en baixo da verde parra,
c'aquelas frescas meniñas
que mel dos seus labios manan,
cando en falar amoroso
meigo nos din en voz maina
con toda-las de Castilla
nobrísimas castellanas
olvidaréivos sin pena,
anque sos vós tan fidalga.
Que aló saben ser altivas,
pero non saben ser vanas,
i é fácil con doces tomas
olvidar tomas amargas.
Déchesmas vós, mi señora,
con despreso envenenadas,
inda con fero máis fero
que pelica de laranxa;
mais teño por que me pase
aquel sarrapio que escalda,
teño unha dama nos Portos,
outra no Ribeiro de Avia;
si a dos Portos é bonita,
a do Ribeiro lle gana.

1 comentário: