15/09/10

¿Por qué, miña almiña

¿Por qué, miña almiña,
por qué ora non queres
o que antes querías?

¿Por qué, pensamento,
por qué ora non vives
de amantes deseios?

¿Por qué, meu esprito,
por qué ora te humildas,
cando eras altivo?

¿Por qué, corazón,
por qué ora non falas
falares de amor?

¿Por qué xa non bates
co doce batido
que calma os pesares?

¿Por qué, en fin, Dios meu,
a un tempo me faltan
a terra i o ceu?

¡Ouh ti, roxa estrela
que din que comigo
naciche, poideras

por sempre apagarte,
xa que non pudeche
por sempre alumarme...!

Sem comentários:

Enviar um comentário