07/09/10

Non che digo nada... Pero ¡vaia!

Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

I
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con noe s de ensaladas,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!


Meniña ben vestida,
meniña ben calzada,
quen ten roupa de cote,
quen ten roupa de garda;
meniña que ben folga,
meniña que anda maja,
i é probe, malpecado,
como unha triste araña,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Véxote aló antre os millos,
véxote aló nas brañas,
xa no pinar espeso,
xa na beiriña mansa
do río que correndo
vai antre as verdes canas,
e xuras que estás sola,
que naide te acompaña...
Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Casada casadiña,
que gustas ser falada,
que bailas cas solteiras
nas festas e ruadas,
que tes na boca a risa
e que cos ollos falas,
e que ao falar con eles
parece que che saltan,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Cando mirar te miro,
tan limpa e tan peinada,
loitar cos rapaciños
hastra que en ti se fartan,
e ves dimpóis xurando
que eres muller sin chata,
e dis que as máis non teñen
contigo comparanza,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

E ti, roxa roxiña,
modesta e recatada,
que falas tan mainiño,
que tan mainiño andas,
que ós pes dos homes miras
para non verlle a cara,
e fas que non entendes
cando de amor che falan,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Vas pola mañanciña
a misa cas beatas;
dempóis... (por qué, ti o sabes)
de xunta delas largas;
e si na corredoira,
xunto da verde parra,
non sei con qué xentiña,
páraste ou non te paras,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

E ti, rapás garrido,
de tan melosas falas,
tan majo de monteira,
tan rico de polainas,
tan fino de calzado
como de mans fidalgas,
cando me dis que gustas
de traballar na braña,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Ti falarás de amores
cousiñas ben faladas;
ti loitarás cas nenas
como ningún loitara;
ti beberás do mosto
hastra quedar sin fala;
pero cos teus sudores
mollar a terra ingrata...
Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Mais tantas cousas vexo
que me parecen trampa;
tanto sol entre nubes,
e tan revoltas augas
que asemellarse intentan
a unha fontiña crara,
que por non perder tempo
donde non quito racha,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

II
Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!

E que algo deprendera,
triste de min coidaba;
e que a esperencia neta
ninguén me iba en puxanza
por ter na frente enrugas
e ter caniñas brancas,
cando hai hoxe uns mociños
mesmo dende que maman,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Xa non che val, Farruco,
que vivas en compaña
dos anos pensadores
nin da esperencia calva,
nin que ollo alerta vivas
como a cordura manda;
que donde menos penses
tamaña lebre salta
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Xa sendo noite escura
dinche que é noite crara;
xa estando o mar sereno
ce din que fai borrasca;
e tanto te confunden
e tanto te acobardan,
que anque falar quixeras
tal coma Dios che manda,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Si eres francés, meu vello,
si eres da lonxe Australia,
si aló do sol baixaches
ou das estrelas pálidas,
con seria gravedade
quisais che perguntaran,
e ti, pasmado todo,
calado mormuraras:
Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Por eso, meu velliño,
si de estudiar non tratas
a cencia destos tempos,
que é como el augua crara,
anque ca parromeira
tamén ten comparanza,
que nesto a cencia estriba,
i en ter distintas caras,
non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Sin entender un ele,
verás qué ben se amañan
honrados e sin honra,
rameiras e beatas;
verás cómo se axuntan,
verás como se tratan,
mentras que ti marmuras
ca lengua dunha coarta.
Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Verás cor de sireixa
que foi cor de esmeralda,
i aqueles tan azúes
que sangre azul manaban,
manar sangre vermella
pola moderna usanza;
i esto con tal chistura
e con fachenda tanta,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Verás qué revolturas,
qué ricas contradanzas,
qué gaitas con salterio,
qué pífanos con arpas,
qué dengues encarnados
con mantilliñas brancas,
chapurra que chapurra
en confusión tan várea,
que non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Ti pensarás que aquesto
é todo unha antroidada;
que aquí un levita sobra
i unha chaqueta falta;
que alí se comen lebres
en vez de calabazas,
e tocan frautas donde
deben tocar campanas...
Máis non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Deprende, meu velliño,
a cencia ben amada,
que saibamente insina
tan rica misturanza,
si queres ser sabido
en cousas tan estrañas,
pois antre tantas novas
as costumiñas rancias....
Non che digo nada...
Pero ¡vaia!

Sem comentários:

Enviar um comentário