¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
I
Aquelas risas sin fin,
aquel brincar sin dolor,
aquela louca alegría,
¿Por qué se acabou?
Aqueles doces cantares,
aquelas falas de amor,
aquelas noites serenas,
¿por qué non son?
Aquel vibrar sonoro
das cordas da arpa i os sons
da guitarra malencólica,
¿quén os levóu?
Todo é silensio mudo,
soidá, delor,
onde outro tempo a dicha
sola reinóu...
¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
II
O simiterio da Adina
n'hai duda que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores
lindas, cal no'outras dou Dios;
cos seus canónegos vellos
que nel se sentan ó sol;
cos meniños que alí xogan
contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben,
e cos húmedos montóns
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterróu.
Moito te quixen un tempo,
simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus abós;
cos teu cregos venerables,
que se iban sentar ó sol,
mentras cantaban os páxaros
as matutinas cancións,
e co teu osario humilde
que tanto respecto impón
cando da luz que nel arde
ve un de noite o resprandor.
Moito te quixen e quérote,
eso ben o sabe Dios;
mas hoxe, ó pensar en ti
núbraseme o corazón:
que a terra está removida,
negra e sin frols...
¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
III
Fun un día en busca deles,
palpitante o corazón,
funos chamando un a un
e ningún me contestóu.
Petéi nunha i outra porta,
non sentín fala nin voz,
cal nunha tomba baldeira
o meu petar resonóu.
Miréi pola pechadura,
¡que silensio...!, ¡qué pavor...!
Vin nomáis sombras errantes
que iban e viñan sin son,
cal voan os lixos leves
nun raio do craro sol.
Erguéronseme os cabelos
de estrañeza e de delor.
¡Nin un soio...!, ¡nin un soio...!
¿Dónde están?, ¿qué deles foi?
O triste son da campana,
vagoroso a min chegóu...
¡Tocaba a morto por eles...!
¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!
Sem comentários:
Enviar um comentário